8/2/12

O Consello Consultivo avala a rescisión do contrato da residencia de Elviña

La Opinión de A Coruña

08/02/2012

A Coruña


O órgano autónomo abre a porta, porén, a que o estudo de arquitectura que elaborou o proxecto reciba unha cantidade "polos danos e prexuízos sufridos" pola resolución da Xunta

En contra da opinión da comunidade universitaria, a Xunta segue coa idea de que unha soa empresa constrúa e despois xestione a residencia de Elviña. Para iso, rescindiu o contrato con Aq4 Arquitectura, firma que realizou un singular deseño para a nova infraestrutura, cun custe que, segundo xustificou Vivenda, era "desorbitado". Pagou 669.000 euros aos arquitectos, aos que tamén anulou o contrato para dirixir a obra. O Consello Consultivo avala a decisión da Xunta pero advirte de que hai que indemnizar


ANA RODRÍGUEZ A CORUÑA


O Consello Consultivo considera que a rescisión do contrato con Aq4 Arquitectura, encargada do deseño e a dirección de obra da residencia de Elviña, fíxose conforme ao dereito. Iso si, matiza que, ademais do dereito do contratista a percibir o prezo dos estudos, informes, proxectos, traballos e servizos, a lei impón á Xunta a obriga de abonar ao contratista "os danos e prexuízos efectivamente sufridos por este, desde que se debía iniciar a dirección de obra ata o momento en el que se acordou a resolución" do contrato.

A Xunta decidiu renunciar ao proxecto inicial de residencia e pagar 669.000 euros á empresa inicialmente adxudicataria. En contra dos desexos da comunidade universitaria, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) tomou esta determinación despois de decidir que a xestión do complexo residencial non sería pública e que sería unha mesma empresa a que se encargaría do novo deseño, da súa execución e, finalmente, da xestión da nova infraestrutura universitaria no campus de Elviña.

A Xunta alegou para iso que o contemporáneo e "singular" deseño encarecía a residencia universitaria ata superar os vinte millóns de euros, un gasto "desorbitado". O novo proxecto, xustifican, aforra once millóns de euros, fronte aos 669.000 que, en principio, se perden ao non executar o traballo polo que foron abonados.

Aq4 Arquitectura asinaba o proxecto e tamén habería de encargarse da dirección da obra que o convertería en realidade. A empresa de arquitectos interpuxo un recurso de reposición contra a resolución da Xunta de rescindir o contrato de dirección de obra da residencia. Os arquitectos presentaron ao Goberno galego unha serie de solucións para abaratar os custes e evitar desbotar o deseño orixinal, pero todas foron rexeitadas por Vivenda.

O Consello Consultivo pronúnciase sobre o caso, xa que é obrigatorio, en caso de resolución de contratos por parte da Administración pública, que se solicite un informe deste órgano autónomo. O Consultivo avala a anulación do contrato de dirección de obra ao tratarse dun "contrato complementario" ao de construción da residencia de Elviña e xa que a Administración renunciou a levantar o complexo.

O informe do Consello Consultivo advirte, poré, de que non só basta con reportar ao contratista "o prezo dos estudos, informes, proxectos, traballos ou servizos que efectivamente se realizasen con arranxo ao contrato e que fosen recibidos pola Administración". "Impónselle á Administración a obriga de abonar ao contratista os danos e prexuízos efectivamente sufridos por este, desde que se debese iniciar a dirección de obras ata o momento en que se acorde a resolución", matiza o Consello Consultivo, baseándose no artigo 102 do Texto Refundido da Lei de Contratos da Administración Pública.

"Non temos ningún interese en chegar á vía xudicial", declaraba en novembro ao coñecer a resolución do contrato un dos membros do estudio de arquitectura afectado, "sería unha pena ter que chegar aí". Desde a firma explicábase que o proxecto podía "repensarse" e que lle ofreceran diversas propostas nesta liña á Xunta, que aínda non dou ningún paso máis para a construción do complexo residencial. Se nada cambia, a Xunta licitará, nun mesmo concurso, o proxecto, a construción e a xestión do edificio no campus de Elviña.

No hay comentarios:

Publicar un comentario